Banquete de Conxo

Banquete de Conxo

Festa do Banquete de Conxo

Información e programa: https://santiagodecompostela.gal/gl/festa-do-banquete-de-conxo-2026

A Festa do Banquete volve á Carballeira de Conxo na fin de semana do 22 ao 24 de maio. Neste 2026 o Banquete pon o foco no espazo no que se desenvolve e busca converterse nun evento ‘residuos cero’, como xeito de minimizar o impacto ambiental sobre a contorna.

Tres días de celebración para lembrar o convite que reuniu arredor da mesma mesa a estudantes universitarios, obreiros e artesáns o 2 de marzo de 1856 para reivindicar a igualdade e a liberdade, e que permanece na memoria colectiva como un dos acontecementos fundacionais do galeguismo.

A programación do Banquete de Conxo comezará o venres 22 de maio cun percorrido de Cantos de Taberna por distintos bares do barrio de Conxo. Será ás 21:00 h e contará coa participación dos grupos Colexiata de Sar,  Muiñeiros do Sarela, Cantador@s de Recandea e D’hoxenunano.

Xa o sábado 23, a programación centrarase na praza de Aurelio Aguirre e estará especialmente dirixida ao público infantil e familiar. Para os máis pequenos haberá xogos populares en horario de mañá e de tarde.

Celebrarase o mercado do libro e da artesanía, unha mostra de oficios con diversas actividades de dinamización e espectáculos para público familiar, ademais dunha sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove. Ademais, volverán a festa da poesía, unha sesión de canto fraterno con algunhas das corais da cidade, e o tren do Banquete de Conxo. Repetirase tamén a ruta literaria con Quique Alvarellos, titulada As voces do Bosque.

No gran día da Festa do Banquete, o domingo 24, continuarán o mercado do libro, da artesanía e a mostra de oficios; haberá diferentes actividades para as nenas e nenos como actuacións de maxia ou xogos infantís, e tamén propostas musicais durante toda a xornada.

Os actos centrais serán o desfile teatralizado con Os Quinquilláns, que sairá ás 11:00 h da praza do Toural, e a posterior comida de confraternidade.

13 hours ago
Carballeira de Conxo
O Penedo, Conxo de Arriba, Santiago de Compostela, Santiago, A Coruña, Galicia, 15706, España
Add to calendar
Download flyer