Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do secuestro de Maduro á Guerra Global
Na actual conxuntura internacional, o imperialismo é o principal factor de desestabilización global. Opera a través de mecanismos de dominación política, económica e mediática que atacan directamente a soberanía dos pobos e condicionan o destino da humanidade. A violencia política, a instrumentalización dos conflitos, as sancións coercitivas, as guerras híbridas, a intoxicación informativa e as inxerencias sistemáticas responden a unha mesma lóxica de poder. Unha lóxica imperial que sostén a confrontación global e impón os seus intereses por riba da vontade dos pobos.
Baixo esta perspectiva, a Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), en colaboración co Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela, organiza o acto “Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do Secuestro de Maduro á Guerra Global”, un espazo de análise crítica que sitúa o imperialismo no centro do debate contemporáneo e interpela directamente á realidade internacional actual.
O evento será unha entrevista aberta guiada por María Obelleiro, exdirectora de Nós Diario, cunha traxectoria comprometida coa información crítica e coa defensa da soberanía popular, actualmente é docente no ensino público galego. Intervirán Martin Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo, e Ignacio Ramonet Miguez, escritor e xornalista, analista internacional e unha das voces máis influentes do pensamento crítico contemporáneo, exdirector de Le Monde diplomatique e referente no estudo da comunicación e da xeopolítica global.
O acto pretende desentrañar, con claridade e sen ambigüidades, as claves da ofensiva imperialista no século XXI a través de feitos recentes de enorme relevancia internacional: o secuestro de Nicolás Maduro, a presión sostida contra Cuba, Colombia ou México, a escalada bélica contra Irán e o xenocidio do pobo palestino. A partir destes casos, analizaranse os mecanismos de intervención, as estratexias de dominación e o papel dos medios na construción de relatos que buscan lexitimar estas dinámicas. Ao mesmo tempo, abrirase un espazo para identificar e reforzar as respostas e resistencias que os pobos están a artellar fronte a esta ofensiva global.
Estes encontros promoverán unha análise crítica da realidade actual ante a agresión imperialista global e convida á participación cidadá nun espazo aberto ao debate.