Radio Boga – Especial Rupestre Sonoro
O proxecto Rupestre Sonoro, impulsado por aCentral Folque, presenta este venres 13 de novembro Radio Boga, un programa-espectáculo radiofónico en directo e con público que reunirá distintas voces arredor da experiencia desenvolvida polo proxecto coas chamadas Pedras que Falan da provincia da Coruña. A cita será ás 20:30 h na Unitaria (Santiago de Compostela) e estará conducida pola xornalista Xiana Arias.
A proposta recupera simbolicamente o legado de Maruxa Boga, directora durante máis de corenta anos do histórico programa Recordando a Galicia, concibido por Castelao en Bos Aires. Inspirado no espírito daquela experiencia radiofónica, Radio Boga converterá a radio nun espazo de encontro, memoria oral e creación contemporánea, sen renunciar á súa dimensión crítica e de denuncia social. Así, xunto á recuperación do patrimonio inmaterial e cultural, abordaranse tamén os conflitos que afectan á conservación e xestión do territorio. Un dos focos estará na falta de protección específica das pedras con nome propio, especialmente das pedras sonoras estudadas por Rupestre Sonoro, que carecen de medidas específicas de salvagarda. Tamén se porá sobre a mesa a necesidade de desenvolver modelos de xestión territorial que permitan compatibilizar os lexítimos aproveitamentos económicos cos usos sociais e recreativos da paisaxe e coa protección do patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e paisaxístico. A situación destas pedras evidencia as carencias do modelo actual e a necesidade de avanzar cara a unha planificación máis integrada e respectuosa coa diversidade de valores do territorio.
O programa artellarase en tres bloques de conversas: unha primeira aproximación aos fundamentos históricos e antropolóxicos das Pedras que Falan; unha segunda dedicada ás experiencias dos colectivos asociativos e das comunidades vinculadas a estes enclaves; e unha terceira centrada nas propostas artísticas xurdidas ao abeiro de Rupestre Sonoro. Participarán Ramon Pinheiro, director de aCentral Folque e do proxecto Rupestre Sonoro; Luis Leclere, do Colectivo A Rula; Tareixa Otero, do Clube Espeleolóxico Maúxo; Marisa Gil, representante da asociación A Pedra que Fala, de San Xoán de Fecha e o profesor Bernardo Penabade, veciño coñecedor da Serra da Faladora. A dimensión artística estará representada pola autora Alba Cid, o artista sonoro Xoán-Xil López e a fotógrafa Sol Álvarez, que compartirán os seus procesos creativos arredor destas formacións pétreas.
O encontro contará tamén con intervencións artísticas en directo: David Bellas, coa interpretación da obra musical creada para a Pena Faladora, e Alba Cid, coa escolma e lectura de textos.
Radio Boga será gravado profesionalmente e, tras o seu proceso de edición, estará dispoñible en internet como novo material documental e creativo de Rupestre Sonoro, contribuíndo a preservar e compartir as voces, experiencias e creacións que conforman a memoria deste patrimonio.
Co apoio da Deputación da Coruña e Cultura da Deputación da Coruña.
“Rupestre Sonoro. A Pedra que Fala” recibiu un dos premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2026 da Deputación da Coruña.